Saturday 11 de May de 2024

Aberta a mostra da fotógrafa Mariví Ibarrola na Casa Museo Casares Quiroga


A exposición recolle instantáneas da movida madrileña dos anos 80, con artistas galegos como Siniestro Total, Xabier Villaverde ou Menchu Lamas Enmárcase na sexta edición do ciclo metropolitano ‘Elas son Artistas’, que conta coa colaboración do Concello da Coruña

A Casa Museo Casares Quiroga acolle dende hoxe a exposición fotográfica “A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Mariví Ibarrola”, aberta ao público ata o vindeiro 4 de outubro. A concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería, Diana Cabanas, interviu na apertura da mostra xunto con Tomi Egido, comisario da exposición; e Mariví Ibarrola, artista e autora das instantáneas.

A exposición, encadrada na sexta edición do Ciclo Metropolitano ‘Elas son artistas’, en colaboración co Concello da Coruña, reúne unha combinación das imaxes das bandas e artistas máis coñecidas dese importante movemento cultural e social. Entre as instantáneas atópanse imaxes de grupos e artistas clave do movemento como Mecano, Sabina, Alaska ou Radio Futura; así como artistas galegos recoñecidos como Siniestro Total, Xabier Villaverde ou Menchu Lamas.

A concelleira, Diana Cabanas, destacou a aposta do Concello pola programación cultural e o papel da Coruña como cidade referente da materia. “A través desta exposición revisitaremos a historia e mergullarémonos na ruptura dos moldes que supuxo a ‘movida’, cuxos valores de radicalidade e vangarda teñen e moito que ver tamén con esta cidade” explicou. A edila puxo como exemplo a obra de Xaime Cabanas como artista de cabeceira na década dos 80. “Cabanas personificou en Galicia, dalgunha maneira, esa movida cultural que tamén tiña expresión fora da comunidade madrileña, tamén aquí na Coruña” sinalou.

A exposición estará aberta na Casa Museo Casares Quiroga ata o vindeiro 4 de outubro con entrada de balde ata completar capacidade. A concelleira animou ao público a achegarse a coñecer a obra fotográfica de Ibarrola. “O mundo da imaxe segue a estar masculinizado 40 anos despois e por iso é importante que reivindiquemos ás figuras actuais, pero tamén ás históricas, porque nós tamén somos artistas” concluíu a concelleira. A mostra enmárcase dentro da ampla oferta cultural que está a desenvolver o Goberno de Inés Rey na cidade.

Máis actividades ‘Elas son artistas’

O Concello da Coruña ten previstas outras catro citas no marco do ciclo ‘Elas son artistas’ que suma máis dunha ducia de actividades en diferentes Concellos da área. A cidade acollerá o vindeiro 4 de outubro, coincidindo co peche da exposición, o primeiro dos concertos que se celebrarán no mes de outubro con The Dirty Denims, na Sala Mardi Gras. Seguiralle a Sala Garufa o 13 de outubro con Mercedes Ferrer e Aurora Beltrán e o 21 de outubro The Niftys chegarán á Mardi Gras. O ciclo rematará o 24 de novembro no Teatro Colón con Alice Wonder, pechando a sexta edición de ‘Elas son artistas’.